Tuesday 18 de June de 2024

Ponteceso aproba o pago de facturas de gastos correntes por valor de máis de medio millón de euros tras a execución dunha auditoría externa


 O pleno, cos votos favorables de PP, PG, AP e PSdeG, aceptou pór en marcha este recoñecemento extraxudicial de crédito

 Durante a sesión tamén se aprobou a adhesión á Central de Contratación da FEMP e, de xeito provisional, a Ordenanza reguladora de instalación de terrazas en espazos de uso público

O Concello de Ponteceso aprobou a execución dun recoñecemento extraxudicial de crédito por valor de 513.373 euros para abonar pagos de facturas de servizos, subministros e gastos correntes de anos anteriores, correspondentes aos exercicios 2021, 2022 e 2023. Fíxoo nun pleno ordinario celebrado onte, mércores 12 de xuño, e despois da finalización dunha auditoría externa que analizou todas as facturas sen pagar correspondentes aos últimos anos.

Este punto da orde do día contou cos votos favorables do Partido Popular, Partido Galego, Adiante por Ponteceso e PSdeG e a abstención do BNG e de APIN-ESCO.
A aprobación desta medida permitirá á administración local pagar a provedores gastos como o subministro da luz, actuacións de mantemento ou recollida de residuos, que son de carácter básico para o funcionamento do municipio. Segundo indicou o rexedor local, José Manuel Mato, “a execución destes pagos é fundamental para o correcto funcionamento da administración, mantendo a realización dos servizos e tamén permitindo ás empresas que estaban pendentes de pagos seguir coa súa actividade sen ningún tipo de impedimento”.

Segundo recalcou Mato, “o pago destas facturas efectuarase despois de levar a cabo unha auditoría externa que analizou de forma detallada os pagos pendentes da administración local” e engadiu que “debido a este estudo en profundidade, algunhas terán que pagarse máis adiante como consecuencia do aumento dos custos”.

Adhesión á Central de Contratación da FEMP

Durante a sesión plenaria tamén se aprobou a adhesión á Central de Contratación da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), aprobado por unanimidade.
Esta adhesión, segundo explicou o alcalde, “suporá un gran avance á hora de axilizar procesos de contratación para o Concello, reducindo os tempos, pero tamén simplificando os trámites, o que alixeirará a carga de traballo para os empregados municipais”.
Aprobación da Ordenanza reguladora de instalación de terrazas
O último dos puntos que se aprobaron na sesión foi a aprobación provisional da Ordenanza reguladora de instalación de terrazas en espazos de uso público, que contou cos votos a favor de Partido Popular, Partido Galego e a abstención de Adiante por Ponteceso e PSdeG PSOE, BNG e de APIN-ESCO.
Este documento permitirá reordenar os espazos públicos das terrazas co obxectivo de compatibilizar os espazos públicos coa explotación de negocios privados, coa intención de favorecer o benestar da veciñanza.

Mato quixo aclarar que “os hostaleiros non terán que pagar polo uso e a ocupación das terrazas, pero terán que presentar a solicitude no Concello igualmente para poder colocar as mesas e cadeiras no exterior dos seus locais”.
“Esta medida establécese co obxectivo de regular os horarios dos hostaleiros para manter o equilibrio entre o beneficio dos locais hostaleiros e o correcto descanso dos nosos veciños e veciñas” concluíu.

Deja un comentario